No ano no que as nosas carrilanas víronse obrigadas a pisar o freo e quedar en boxes foi, curiosamente, tamén o ano no que a nosa equipa acelerou cara un dos nosos grandes retos: lograr que o Gran Prix de Carrilanas de Esteiro sexa recoñecido como Festa de Interese Turístico Nacional.

Hoxe, despois de moito traballo e esforzó colectivo, a Xunta de Galicia ven de  confirmar a remisión do expediente favorable para a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional á Secretaria de Estado de Turismo, organismo competente para formalizar esta distinción.

A orixinalidade e singularidade da nosa festa é un dos puntos fortes do informe remitido pola da Xunta de Galicia. Así mesmo, na súa avaliación destaca o recoñecemento como evento de referencia no verán galego así como a súa aposta pola recuperación das carrilanas, vehículos de madeira artesanais que unen o evento directamente cos xogos populares, as tradicións e a cultura galegas. A capacidade de acollida para os visitantes, a súa continuidade no tempo e o seu arraigo, ademais do especial coidado coa contorna, son outros dos aspectos suliñados no informe.

O Gran Prix Carrilanas de Esteiro, que desde o ano 2000 xa conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia, atópase plenamente consolidado con máis de 80 carrilanas participantes e 30.000 persoas de público que se dan cita para o descenso destes vehículos sen motor por un circuíto de aproximadamente 3 quilómetros.

 

Mención especial para toda a nosa #equipa, sen todas e todas vós, xamais chegariamos a ningún sitio. Agora toca asumir o ilusionante reto de conseguir esta distinción e seguir medrando como colectivo.
Agora xa non depende de nós, toca agardar con paciencia e confiar no bo traballo realizado polo Concello de Muros, Turismo de Galicia e Deputación Provincial da Coruña.
Grazas
Por ...|2020-12-31T00:27:19+00:0030/12/2020|Novas|