A A.D.C. Esteirana de Carrilanas recibe en doazón as carrilanas de “Gerente”

O día 1 de agosto de 2020, Ramiro García Núñez “Gerente” (presidente de honra da A.D.C. Esteirana de Carrilanas) e David Fernández Lado (presidente da A.D.C. Esteirana de Carrilanas), asinaron un acordo de doazón das carrilanas de “Gerente” á asociación organizadora do Gran Prix de Carrilanas.

Trátase do acordo máis importante dos 33 anos de historia das Carrilanas de Esteiro, unha doazón de carrilanas artesanais únicas no mundo que configuran un patrimonio incalculable para a entidade.

Este acordo provocará que a asociación asuma a total responsabilidade do mantemento, conservación e exposición ao público das carrilanas de “Gerente”.

A A.D.C. Esteirana de Carrilanas desexa manifestar publicamente a súa admiración, cariño, respeto e profundo agradecemento a Ramiro García “Gerente” polo seu compromiso incuestionable co Gran Prix de Carrilanas de Esteiro.

Traballaremos nun futuro que se presenta tremendamente complicado pero tamén ilusionante coa máxima esixencia, tomando como base o traballo e o talento do noso querido avó carrilaneiro e mantendo vivo o seu inimitable legado.

Queremos agradecer tamén o trato recibido pola familia de Ramiro, que facilitou que este acordo se producise para dar continuidade a este singular evento que nos identifica como pobo.

Desde xa, a asociación traballa para crear o Museo de Carrilanas “Ramiro García, Gerente”. Loitaremos por un local que teña as condicións necesarias para a exposición e conservación de pezas exclusivas e únicas en todo o mundo. Gerente meréceo, Esteiro meréceo.

Moitas grazas.