Tanxugueiras

Mulleres fortes, valentes e empoderadas. Cantareiras dunha nova década. As voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, ateigadas de virtuosismo e contundencia, son as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e reformulación das músicas de creación colectiva galega.

Neste 2021, as cantareiras libéranse de prexuízos para consolidar a identidade dun grupo que explora con curiosidade a fusión da tradición con sonoridades urbanas e modernas. O seu último single, Midas, con influencias de sons próximos ao trap ou á electrónica, pon o foco sobre unhas artistas audaces, chamadas a levar os ritmos e a enerxía da terra por escenarios de todo o mundo.