Monoulious DOP

Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que comecen a subir videoclips que eles mesmos producen e, coa forza das redes sociais, pronto contan co apoio do público.

Este empuxe da xente cos centos de miles de reproducións dos seus vídeos, é o que os incita a montar unha banda en clave de rock formada por Beny á batería, Torroncho ó baixo, Carba e Pla ás guitarras e os propios Ula e Mon ás voces.

Despois de ofrecer un bo número de concertos pola xeografía galega presentando a nova banda na primavera de 2017 sacan oseu primeiro disco, un dobre LP baixo o nome de “LP Padre” no que a banda saca á luz un bo puñado de temas novos e recupera algúns dos temas antigos que mellor aceptación do público tiveron.

No 2020 sacan o seu segundo disco, o “Black album” con 14 novos temas sen unha etiqueta estilística que fai que o grupo conserve a súa identidade transgresora sen casarse con ningún xénero musical.