Escola de pilotxs

ESCOLA DE PILOTXS – CARRILANAS ESTEIRO

A A.D.C Esteirana de Carrilanas pon en marcha un novo proxecto para este 2021 no Campionato Galego de Karting.

Trátase da promoción do Gran Prix de Carrilanas e as súas actividades culturais a través do apoio ao deporte de base municipal nas categorías de iniciación ao automobilismo.

O karting representa unha modalidade que encaixa á perfección cos valores que a asociación das carrilanas pretende implementar nas súas actividades. Unha competición na que nenos e nenas acoden en familia aos circuitos da xeografía galega practicando un deporte alternativo aos tradicionais.

Dende a entidade entendemos que é unha aposta innovadora pola nosa canteira, nenos e nenas que participan no Gran Prix de Carrilanas e que poden dar o salto ás carreiras de karting amosando que en Esteiro, temos madeira de pilotxs.

Calquera disciplina do automobilismo require de grandes medios técnicos e económicos polo que queremos agradecer a colaboración do Concello de Muros e a Deputación de A Coruña (Área de Cultura). A creación dun proxecto propio para a difusión da cultura carrilaneira, é sen dúbida un activo de gran valor municipal e provincial que agardamos poida medrar con paso firme e incorporar máis pilotxs en próximas competicións.

Pablo Molinos Buján será o primeiro piloto esteirán que con 11 anos de idade trocará o volante de madeira da súa carrilana polo do seu kart da categoría cadete. Será el o primeiro en trasladar aos circuitos de competición o noso singular Gran Prix de Carrilanas.

Os únicos obxectivos marcados son os de aprender e divertirse, sempre baixo a dirección da familia e cos estudos como prioridade absoluta.

Deste xeito o semáforo  da Escola de Pilotxs – Carrilanas Esteiro ponse en verde.  Agardamos que sexa un proxecto que medre e vaiamos incorporando nenos e nenas que queiran pilotar máis alá do circuito Ramiro “Gerente”.

A primeira das carreiras será este domingo 18/04/2021 no Circuíto A Madalena (Pontevedra)