Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

O talento ao servizo da música tradicional galega.

Dos primeiros sopros de Xabier nunha gaita de fol nos albores dos 80, ata Coplas Para Icía (2007) pasaron case 30 anos. A súa curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre a música popular no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames, etc.

Logo chegou a Nova Galega de Danza coa que participou nos espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009.

Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda.

Grandes parceiros e amigos seus foron Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, cos que participou no proxecto aCadaCanto e cos que editou aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014).

Ao longo dos anos, realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Así mesmo, emprendeu numerosas viaxes para levar a música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda, etc.

No ano 2015 editou The Tambourine Man xunto ás Adufeiras de Salitre, traballo que foi galardoado como o mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e o mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Con el tamén obtivo o premio á mellor canción en galego da primeira edición dos premios aRitmar. Alén diso, The Tambourine Man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.

Unha ocasión inmellorable para disfrutar dun espectáculo único.

Dende a presentación de The Tambourine Man e con máis de 70 concertos ás costas en apenas dous anos, visitou Alxer, Oslo, Lorient, Le Chatre, Glasgow, Lisboa, Madrid ou Bruxelas.
Agora chega Noró (Algunhas músicas do norte), un novo traballo compartido coas Adufeiras de Salitre que pon o acento nas músicas que habitan o noroeste peninsular.

2019-03-23T21:11:09+02:00