Nao, ata que o lume se apague.

#Venceremos Nós.

O 2019 será o derradeiro ano que Nao se suba aos escenarios. A derradeira xira, non podía levarse a cabo sen remarcar unha data en Esteiro.

O festival das carrilanas, será unha das citas sinaladas pola banda para a súa despedida. Un directo apaixoante, plenamente comprometido, que de seguro nos farán tremer “ata que o lume se apague.”

Dende a Estrada, unha banda referente na música galega.

A primeira formación da banda nace da conxunción de músicos con diversa experiencia dentro do rock, o punk e o metal galego: Xenreira, Fusquenlha, M.D.R, Fai Tun Flai ou Indana.

En outubro do 2005 dan o seu primeiro concerto no Centro Social a Revolta (Vigo). Tras a gravación das primeiras maquetas e dunha xira por distintas vilas de Galiza, viaxan cara os estudos Garate (Euskal Herria), onde darán forma ao seu primeiro disco “As palabras espidas” (2007). A este disco séguenlle cinco máis: “Coas túas mans” (2010), “Cancións de amor e liberdade” (2012), “Cartas no caderno” (2014) e o doble álbum “Soñar” – “Crear” (2016). Cabe destacar que nestes 13 anos a banda sufre cambios na súa formación.

O ascenso de NAO é evidente e a súa presenza no panorama musical galego, indiscutible. Contando cun crecente número de seguidores e producíndose un salto cualitativo no traballo da formación, son galardoados  no 2015 co prestixioso Premio Martín Códax da música galega na categoría de Metal.

É nese ano, e estando no seu mellor momento, cando a banda anuncia un parón indefinido pero non inmediato. A intención era crear unha triloxía final baixo o epígrafe de (Apocalipse NAO). “Soñar” e “Crear” foron dous dos tres discos editados no ano 2016 da Apocalipse proxectada polos músicos de NAO, que se verá completada co que será o derradeiro disco baixo o título “Ata que o lume se apague”.

Nestes máis de trece anos, NAO destacou por ser unha banda cun forte compromiso social. Enriba dos escenarios, NAO é dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos sendo un referente ideóloxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.

Achégase a Apocalipse. Que se eleve o lume, que arda.

2019-03-15T13:13:59+02:00